Tuesday 14 de May de 2024

O Concello de Noia e a Universidade da Coruña amosan a súa disposición a organizar máis cursos de verán na vila


A directora de Turismo de Galicia e o alcalde de Noia clausuraron esta mañá a quinta edición do curso “A evolución do turismo no marco da sociedade global. Retos para a súa planificación e xestión”

O Concello de Noia e a Universidade da Coruña amosaron o seu interese mutuo en seguir colaborando na organización de máis e novos cursos de verán na vila. Un desexo manifestado durante a clausura da quinta edición do curso de verán “A evolución do turismo no marco da sociedade global. Retos para a súa planificación e xestión”, organizado pola Universidade da Coruña e que tivo lugar na Casa da Cultura de Noia do 2 ao 4 de xullo.

Un curso que foi clausurado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, quen estivo acompañada polo alcalde de Noia, Santiago Freire; o decano da Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña, Antón Álvarez Sousa; o concelleiro de Turismo, José Pérez; e a directora do curso, Iria Caamaño. José Pérez foi o encargado de lanzar o guante ao asegurar que “o Concello de Noia non quere que isto sexa só a colaboración nun curso, senón ofrecer Noia á Universidade para que conte coa nosa dispoñibilidade e cos nosos recursos para organizar novas edicións deste curso e outros cursos de verán. Polo que a nosa man está tendida para colaborar na organización de novas actividades formativas”.

Unha proposta recollida por Antón Álvarez Sousa, quen afirmou que “dende o reitorado transmitíronme que están dispostos a volver celebrar unha nova edición deste curso ou outro tipo de actividades en Noia”. Ofrecemento que agradeceu o alcalde noiés, quen asegurou que “este tipo de actividades teñen un dobre interese: permiten formar a profesionais en materia turística e supoñen tamén dar a coñecer a nosa bisbarra”.

Turismo, motor económico

O profesor Álvarez Sousa indicou que “o turismo é o sector máis importante para un concello como Noia, non só pola súa repercusión económica senón tamén pola imaxe que se dá dunha poboación. Se temos unha imaxe positiva, a xente quererá facer máis cousas nesa zona”. Ademais, recalcou que “o turismo desempeña ese papel de transmisor da imaxe dun territorio. Ademais ten unha versatilidade que permite que poidan ser emprendedoras moitos tipos de persoas, o que xera un espírito de emprendemento que produce un gran dinamismo na zona”.

Un punto no que incidiu Santiago Freire, quen salientou que “o turismo é un motor importante xa que ten un retorno económico para a nosa veciñanza e permite poñer en valor o noso patrimonio”. Así, lembrou que este mesmo curso “é un evento incluído nos actos do 850 aniversario da fundación de Noia, que nos está permitindo promocionar a vila a todos os niveis”. Finalmente, fixo fincapé na aposta que se está a realizar polo recoñecemento do Camiño Inglés pola Ría de Muros-Noia. “A ruta de peregrinación será un referente no futuro e confiamos en que moitos dos peregrinos que se acheguen a Santiago elixan o noso Camiño ou que se animen a facer unha ruta circular cara Fisterra, ría de Muros-Noia e Santiago”.

Pola súa banda, Nava Castro salientou que “o 98% das persoas quedan satisfeitas de facer o Camiño, o recomendarían aos seus amigos e mesmo volverían facelo. É algo que temos que coidar para non morrer de éxito”. Así mesmo, salientou que “neste Xeodestino Ría de Muros Noia temos tamén un patrimonio industrial importante, como son as minas de Lousame, que teñen tamén un gran atractivo turístico que temos que poñer en valor. É un produto que nos diferencia e nos pode axudar a desestacionalizar o turismo”.

Asímesmo, Castro felicitou ao Concello de Noia e á Universidade de Coruña pola organización deste curso de verán “pois é fundamental que haxa cursos coma este, que debatan sobre temas que están de gran actualidade no sector turístico e alégrame ver que entre o alumnado hai representantes de varios Xeodestinos”. Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia lembrou que neste sector “a formación é imprescindible, pois o trato que lle deamos ao turista no Xeodestino é fundamental”.